Nº. 1 of  3

SITIOS DISTINTOS

Lugares improbables, imposibles e inventados

Mactán, Filipinas

“En mala hora me puido a soberbia”, debeu de pensar Fernão de Magalhães o 27 de abril de 1521 mentres tentaba alcanzar a praia de Mactán, suando debaixo da armadura metálica, coa auga por encima dos xeonllos e rodeado cada vez por máis indíxenas espidos e anoxados. Despois de case dous terribles anos de travesía nos que ata el mesmo chegara a dubidar da súa intuición, conseguira atopar, moito máis ao sur do que cría, un paso entre o océano Atlántico e o Gran Mar do Sur, tal e como lle prometera ao rei de España, Carlos I. Gozaba por fin de credibilidade, de autoridade sobre a súa levantisca tripulación e mesmo de felicidade, se é que era capaz de sentila. A descuberta do novo paso cara as Illas das Especias garantíalle gloria eterna e fortuna sen fin para el e os seus descendentes, o que compensaba o odio que por el sentirían no seu natal Portugal, que abandonara farto dos desplantes do rei Manuel I.  Magalhães era, cando chegou ás Filipinas, un home no cumio da súa vida.

Pero gañoulle o carácter. Amante dos golpes de man (coma o que dera meses antes, en Puerto San Julián, desactivando unha rebelión dos capitáns das outras naves ao seu mando, decapitando ao principal responsable e deixando na fría terra dos patagóns a outros dous) e calculador paciente, Magalhães deixouse levar por unha vez polas présas. Aconsellado por un cacique local da illa de Cebú, decidiu atacar o seu rival o rei de Mactán, de nome Lapu-Lapu, convencido de que unha vitoria espectacular deixaría os indíxenas sometidos para sempre á coroa castelá. Tiña que ser un triunfo inapelable, así que decidiu encabezar unha expedición con só medio cento de occidentais, apoiada pola terrorífica artillería das naves que aínda conservaba, para demostrar a diferenza de forzas entre os dous mundos. Non contaba con que o escaso calado lle impediría achegar os barcos o suficiente como para bater a costa, nin que as ondas obrigarían aos expedicionarios a saltar das chalanas cando aínda a auga lles chegaba pola cintura.

Así que alí estaba agora, enterado por fin de que os indíxenas descubriran que os brancos non eran inmortais, cuberto por unha chuvia de frechas venenosas, lanzas, pedras e paos, ordenando por fin a retirada dos seus homes na primeira derrota europea no Pacífico, mandándolles subir de volta nas lanchas mentres el recibía un, dous, dez golpes, caendo na beira da praia. Baixo as lanzas que reducían a súa carne a papas debeu ter pouco tempo para pensar en que outros se apoderarían das riquezas, da fama e da gloria, e mancharían de paso o seu nome para sempre.

No sitio no que morreu Magalhães existe hoxe un monumento que o recorda, vixiado desde moi cerca por unha estatua de Lapu-Lapu, cimitarra na man, por se acaso.

Foto: GNU Wng

Ver en Google Maps

Ver Atlas

A casa das catro chemineas, Arcueil, Francia

Aforros, sablazos, herdanzas… Á altura de 1898 a Erik Satie acabáranselle xa todos os medios que tiña para vivir coma un gentleman en Montmartre. Desprezado por boa parte dos colegas, rexeitado pola única muller que algunha vez amou, probablemente algo resentido polo éxito que comezaba a rondar ao seu amigo Debussy, o compositor normando viuse abocado a cambiar de vida.

Ou polo menos de casa: deixou o centro da bohemia parisiense, no que vivira unha ducia de anos tolos, e mudouse a Arcueil, un suburbio obreiro ao sur da capital. Satie instalouse nunha habitación sen auga nin luz e previamente ocupada por un mendigo na Casa das Catro Chemineas, un edificio anodino na rúa Cauchy, preto do acueduto polo que é coñecida a localidade. Máis ou menos ao tempo, tragándose o orgullo (aínda que tamén feliz dado seu gusto pola festa nocturna) comezou a traballar de pianista de cabaret para gañar uns patacóns. Cada día, Satie debía cruzar a enorme cidade de parte a parte, e a maior parte das veces facía o traxecto de ida e volta andando, máis de vinte quilómetros que percorría a pé por non pagar o billete de tranvía.

Pese a que co tempo foi gañando fama e recoñecemento e librándose de excentricidades, Satie viviu só na rúa Cauchy ata a súa morte, en 1925. Contan que en todo ese tempo ninguén máis que el entrou no minúsculo estudio, e que só despois do enterro os amigos decidiron forzar a entrada para ver o que contiña. Durante un cuarto de século, o músico xuntara alí ducias de paraugas, montañas de papeis con composicións desbotadas, dous pianos desafinados, traxes de veludo idénticos que levaba décadas sen poñer, cartas, debuxos estraños…

Foto: bbc.co.uk

Ver en Google Maps

Ver Atlas

O Ventorrillo del Chato, Cádiz

A carreira criminal de Benito Soto Aboal rematou esnaquizada contra unha praia gaditana, media ducia de anos despois de ter comezado. Máis ou máis ou menos media ducia, porque as fontes son contraditorias e, en todo caso, contra 1827, cando el e outros compañeiros de tripulación se amotinaron e tomaron o mando do bergantín brasileiro Defensor de Pedro, Soto, nacido en Pontevedra en 1805, xa levaba anos fuxindo da leva da Mariña española. O caso é que cando, como axudante do contramestre, se erixiu comandante do Defensor, iniciou unha sinistra singradura polo Atlántico. Rebautizado o bergantín co nome de Burla negra, á altura da illa de Ascensión debutou como pirata, abordando e saqueando o mercante inglés Morning Star (hai quen di que esta foi a súa última presa). Despois viñeron o Topaz e o Sumbury, norteamericano e británico, respectivamente. Preocupados polo que puidesen contar os asaltados á súa chegada a porto, Soto e os seus tomaron por costume asasinalos a todos, ou prender lume ao barco e alí se amañaran os superviventes.

Cando se viron satisfeitos de riquezas, os piratas navegaron cara a terra natal de Soto, sen privarse de roubar e destripar noutras naves que se cruzaron no seu camiño. Tamén amenizou o periplo a paranoia do pontevedrés, que matou algúns dos seus colaboradores por sospeitar que non o eran tanto. Chegados a Galicia, na Coruña venderon o que puideron e polo visto enterraron parte do tesouro en varios lugares, e fuxiron cara ao sur para gozar das ganancias. Hábiles mariños como eran, non se entende a razón que os levou a confundirse de faro e pensar que estaban en Tarifa á altura de Cádiz, embarrancando a Burla negra contra a lingua de terra que une a cidade coa Illa do León á altura do Ventorrillo del Chato, unha fonda que existía daquela e 200 anos despois segue funcionando. Con cerca dun cento de asasinatos ás costas, Soto e os seus compadres pasaron desapercibidos durante pouco tempo e foron detidos e descuartizados ou aforcados contra 1830 ou 1832.

(A historia de Benito Soto é un pouco confusa en canto a datas, nomes de barcos e datos precisos. Eu reconstrúoa aquí como mellor me convén e arquivo como “lenda”).

Ver en Google Maps

Ver Atlas

O día que morreu a música (II)

Outro que non chegou ao seu destino mentres estaba no pico da súa fama foi Otis Redding. A pesar do seu aspecto de tipo rudo e curtido, só tiña 26 anos cando o 10 de decembro de 1967 subiu en Cleveland, Ohio, á avioneta Beechcraft (o mesmo fabricante da que matara oito anos antes a Buddy Holly) que lle mercara a James Brown e rotulara co seu nome. Redding era xa entón unha lenda do soul, cunha enorme carreira de concertos enérxicos e unha restra de cancións incribles ás costas (Fa-fa-fa-fa-fa (Sad song), Respect, Ole man trouble). O tema que gravara só uns días antes, (Sittin’ on) The dock of the bay tiña pinta de converterse noutro novo éxito.

Foi así, pero el non chegaría a velo. Minutos antes de aterrar en Madison, Wisconsin, onde Redding debía dar un concerto esa noite (abrían o cartel The Grim Reapers, despois Cheap Trick), a Beechcraft sucumbiu ao mal tempo e caeu ao lago Monona, matando entre outros ao cantante e a varios compoñentes do grupo que o respaldaba, os Bar-Kays. Só se salvou un integrante destes, Ben Cauley, que acababa de espertar da sesta e se atopou nadando no medio da auga xélida, abrazado a un asento do aparello.

Foto: CC Dori

Ver Google Maps

Ver Atlas

O día que morreu a música (I)

Buddy Holly estaba no cumio da súa carreira a principios do 1959. Despois duns inicios difíciles, o seu estilo azucarado, o seu sorriso de bo rapaz, unha presa de grandes cancións e a marcha de Elvis ao servizo militar converterano no favorito da mocidade rockeira americana. Ademais, Holly casara medio ano antes e empezara a tomar clases de actuación para debutar no cine, seguindo a estela de Presley. 

Á altura do 2 de febreiro atopouse en Clear Lake, unha pequena vila de Iowa, canso de papar quilómetros en bus nunha xira polo medio oeste con outras estrelas do momento como Ritchie Valens e o picadiscos JP Richardson The Big Bopper. Segundo parece, a perspectiva de pasar outras oito horas metidos nun bus ata Moorhead, Minnesota, espantábaos, así que aceptaron a suxestión de Holly de alugar unha avioneta. Pese a que o ceo ameazaba mal tempo, partiron do cercano aeroporto de Mason City despois da medianoite e perdéronse entre as nubes. Á mañá seguinte atoparon os corpos sen vida de Holly, Valens, Richardson e o piloto entre os cascallos do aparello, no medio dun campo de millo, a só dez quilómetros do lugar do que partiran.

Foto: CC Dennis Fernkes

Ver en Google Maps

Ver Atlas

Guam e un vigués

Habería que ver a cara que lles quedou o 4 de setembro de 1526 aos escasos tripulantes da Santa María de la Victoria, fracos, enfermos e sen xefes tras máis dun ano de penalidades, cando á altura da illa de Guam se lles achegaron varias canoas indíxenas e, desde unha delas, un dos remeiros os saudou “al uso y manera de España” e con forte acento galego. O capitán interino da nao, Alonso de Salazar, que tomara o posto tras a morte de Juan Sebastián de Elcano, fíxolle subir a bordo, onde o home se identificou como Gonzalo Álvarez, natural de Vigo, que desertara catro anos antes doutra expedición española con outros dous mariñeiros. Gonzalo de Vigo contoulle a Salazar que os habitantes da illa de Maug os atraparan, matando aos compañeiros e convertendo ao galego en escravo. Foron levándoo de illa en illa para diversos traballos ata aquel día.

Gonzalo de Vigo embarcou no Santa María de la Victoria e serviu de intérprete na zona ata que o seu rastro, esta vez o histórico, se perdeu de novo. Guam, a illa na que foi rescatado, foi unha das últimas colonias que perdeu España, cedida aos Estados Unidos despois da guerra do 1898; segue sendo dependente de Norteamérica como territorio non incorporado á Unión, e, coma tantas illas do Pacífico, viviu unha atroz batalla entre estadounidenses e xaponeses na Segunda Guerra Mundial.

Foto: CC Alexrk2, Satellite Image of Guam, USA

Ver en Google Maps

Ver Atlas

A prisión de La Catedral

Nalgún momento da primavera de 1991 Pablo Escobar decidiu que estaba canso de escapar. Por intermitente e corruptible que fose a persecución á que o sometía a policía colombiana, ao xefe do cartel de Medellín non lle saía a conta. Libraba unha guerra sen cuartel contra o Goberno e os Estados Unidos por un lado e contra clans rivais polo outro; e se uns conseguían poñelo en apretos de vez en cando e mesmo facerlle escapar dos seus escondites en calzoncillos no medio da noite, os outros estaban minándolle o negocio. Así que conseguiu un trato co entón presidente, César Gaviria, e abofé que foi ben vantaxoso. Escobar entregouse e foi condenado por un mínimo delicto de cooperación nunha operación de tráfico de cocaína, obviando os centos de asasinatos e secuestros que mandara e garantíndolle que non sería extraditado, e foi confinado cos seus compinches nun cárcere edificado ex profeso no alto de La Catedral, en Envigado, ás aforas de Medellín.

La Catedral era coma un Estado dentro do Estado; o seu emprazamento e o deseño foran decididos polo propio Escobar, os carceleiros estaban no fondo a soldo do cartel e a prisión acabou por parecerse máis a un hotel de vacacións que a un cadalso. Había dentro televisores do tamaño dos muros das habitacións, jacuzzis, un campo de fútbol no que os narcos tentaban rebaixar as gorduras que día a día lles medraban pola escasa actividade, cascada natural, bar e un trasego constante de armas, cartos e prostitutas. Mark Bowden conta en Killing Pablo que o Doctor saía e entraba do penal con asiduidade e non se perdía un partido do Nacional de Medellín. Desde alí puido descansar e recompoñer os seus negocios.

Un ano despois do seu confinamento, Gaviria decidiu acabar coa vergoña nacional en que se convertera La Catedral, onde Escobar e os seus mesmo asasinaran a dous narcos rivais mentres estaban de visita. Ordenou o asalto do cárcere para o 21 de xullo de 1992, coa intención de internar a Escobar nunha cadea convencional, pero a indecisión do exército e a corrupción de mandos e soldados fixeron que o Doctor escapase andando da instalación e se perdese de novo, iniciando unha nova guerra que non remataría ata que o abateron, en decembro de 1993, nun tellado de Bogotá.

La Catedral converteuse de seguida nun lugar de preregrinación ao que se acudía na busca das famosas latas cheas de dólares que se dicía que os narcos enterraran. A instalación, moi deteriorada, derrubouse e sobre ela converteuse hai pouco en convento católico.

Foto: http://caminantestodoterreno.blogspot.com/2009/05/caminata-envigado-monasterio-de-santa.html

Ver en Google Maps

Ver Atlas

O Harmony Park Ballroom

Un chachachá e un rolo de papel hixiénico foron a orixe, segundo conta a lenda, dunha das grandes cancións do rocanrol. Richard Berry era en 1955 un rapaz negro de 20 anos buscando fortuna na industria do espectáculo de Los Angeles. Despois de ter pasado por varias formacións de duduá e de baile, conseguira xa formar o seu propio grupo, The Pharaohs. Un día, esperando para tocar nos camerinos do Harmony Park Ballroom, en Anaheim (a poucos quilómetros de Disneyland), metéuselle na cabeza un ritmo sincopado, o de ‘El Loco Cha Cha Cha’, que coñecera tocando cun grupo mexicano. Incapaz de desfacerse da melodía, Berry empezou a enredar con ela, cantando primeiro por encima cousas sen sentido e logo escribindo sobre un pedazo de papel hixiénico unha letra sobre un emigrante xamaicano que volve á illa desde os Estados Unidos. A canción resultante, ‘Louie Louie’, gravouna un ano despois con escaso éxito, e acabou vendendo os dereitos por 750 dólares á súa discográfica para pagarse a voda.

O Harmony Park Ballroom, no que Dick Dale e os seus DelTones foron grupo residente, pechou nos setenta e converteuse nun mercadillo de antigüidades. Foi derrubado nos noventa, máis ou menos ao tempo que Berry recuperaba os dereitos da canción, mil veces versionada, despois de vivir durante anos nunha chabola en Los Angeles.

Foto: The Louie Report

Ver en Google Maps

Ver Atlas

Os estudios Power Station

Unha de actualidade, sen que sirva de precedente.

Disoltos Hüsker Dü en 1988 nun mar de drogas, facturas e disputas persoais, cada un dos seus integrantes púxose a facer o seu. O que máis éxito tivo no musical foi Bob Mould, que editou inmediatamente despois da separación da banda un disco case acústico, Workbook (Virgin, 1989), e outro máis fero, Black sheets of rain (Virgin, 1990), con Tony Maimone e Anton Fier, de Pere Ubu, ao baixo e a batería.

Conta Mould nas súas memorias que gravou Black sheets of rain cando se prefiguraba toda a explosión do rock alternativo dos noventa, e que a discográfica puxo á súa disposición un monte de cartos en concepto de avance, casa por primeira vez na súa carreira. As sesións duraron tres meses, e leváronse a cabo nos estudios Power Station, entón situados nunha antiga central eléctrica en Manhattan. Aínda así, había clases: Mould, Maimone e Fier traballaban no piso de abaixo do estudio; mentres, no de arriba gravaba, na cúspide da súa fama, Whitney Houston (supoño que o I’m your baby tonight, editado ese mesmo ano por Arista. Mould recorda que “aínda que semellaba non pesar máis de corenta quilos e aparentemente non comía nunca nin unha faragulla, a señora Houston tiña cada día un xeneroso servizo con fruta fresca e bandexas de comida. Cando marchaba, o noso segundo enxeñeiro de son subía as escaleiras para rescatar as sobras. Ceábamos como a realeza cos desperdicios da entón reinante raíña do pop”

Foto: CC BY-SA 3.0, Avatar Studios in New York City, august 2009, por Americasroof

Ver en Google Maps

Ver Atlas

O Pandora’s Box

John Hartmann, manager e promotor de concertos na nacente escena hippie de Los Angeles nos sesenta, cóntalle a Michael Walker en Laurel Canyon: The inside story of rock and roll’s legendary neighborhood que na época había arredor do Sunset Strip anxelino ata vinte e cinco clubes que programaban concertos en directo diariamente. Aos veciños é á policia non lles facía demasiada gracia ver o barrio tomado por melenudos cada noite, e tocáballes os fociños especialmente un bar, o Pandora’s Box, situado nunha especie de rotonda no cruce entre Sunset Boulevard e Crescent Heights. “Dentro do local caberían cincuenta persoas, pero no terreo de arredor podía haber outras duascentas”, recorda Hartmann. Na noite do sábado 12 de novembro de 1966 sóubose que habería unha redada na sala contra os clientes menores de idade, e, animada por algunhas radios locais, unha multitude de greñudos xuntouse arredor para impedilo. Houbo berros, botellazos e paos, e entre os que cobraron estaban, polo visto, famosos contraculturetas como os actores Jack Nicholson e Peter Fonda.

Pouco máis dun mes despois, Buffalo Springfield, aos que representaba Hartmann, editaron o seu único éxito, For what is worth, cun dos traballos de guitarra máis contidos e máis incribles da historia do rock; o seu autor, Stephen Stills, baseouse na manifestación para escribir a letra. E se os hippies contestaron con cancións, a autoridade fíxoo coa piqueta: o Pandora’s Box foi derrubado en agosto de 1967, converténdose no que é ata agora, unha isleta entre dúas das arterias urbanas.

Foto CC BY-NC 2.0 por Snap Man

Ver en Google Maps

Ver Atlas

Nº. 1 of  3