Guam e un vigués
![]()
Habería que ver a cara que lles quedou o 4 de setembro de 1526 aos escasos tripulantes da Santa María de la Victoria, fracos, enfermos e sen xefes tras máis dun ano de penalidades, cando á altura da illa de Guam se lles achegaron varias canoas indíxenas e, desde unha delas, un dos remeiros os saudou “al uso y manera de España” e con forte acento galego. O capitán interino da nao, Alonso de Salazar, que tomara o posto tras a morte de Juan Sebastián de Elcano, fíxolle subir a bordo, onde o home se identificou como Gonzalo Álvarez, natural de Vigo, que desertara catro anos antes doutra expedición española con outros dous mariñeiros. Gonzalo de Vigo contoulle a Salazar que os habitantes da illa de Maug os atraparan, matando aos compañeiros e convertendo ao galego en escravo. Foron levándoo de illa en illa para diversos traballos ata aquel día.
Gonzalo de Vigo embarcou no Santa María de la Victoria e serviu de intérprete na zona ata que o seu rastro, esta vez o histórico, se perdeu de novo. Guam, a illa na que foi rescatado, foi unha das últimas colonias que perdeu España, cedida aos Estados Unidos despois da guerra do 1898; segue sendo dependente de Norteamérica como territorio non incorporado á Unión, e, coma tantas illas do Pacífico, viviu unha atroz batalla entre estadounidenses e xaponeses na Segunda Guerra Mundial.
Foto: CC Alexrk2, Satellite Image of Guam, USA